En Twitter encontrámosnos moitos perfís, os que non interaccionan, os que replican, os que se publicitan, as/os gurús que lanzan máximas máis ou menos sisudas e persoas que simplemente participan. Pero sen dúbida é unha rede colaborativa e de intercambio. Revisando o meu perfil, ata eu sorpréndome que levo case tres anos en Twitter, pero recoñezo que ata fai pouco máis dun ano non era un activo participante na rede, e hoxe en día convértese non só nunha imprescindible ferramenta profesional, senón nunha imprescindible ferramenta de comunicación.
Por poñer un par de exemplos, fai case un ano a primeira noticia que tiven do terremoto de Haiti foi unha entrada en Twitter dunha persoa á que sigo e que nese momento estaba en Santo Domingo, que comentaba que estaba sentindo un tremor de terra. Ao cabo de pouco tempo a través do hashtag #haiti tiñamos a esas horas nocturnas a información máis precisa e sobre todo as primeiras imaxes que nos mostraban a magnitude do desastre. Aos poucos días, Twitter volveuse a converter en algo imprescindible para os expatriados que chegaron á illa, para poder mostrar o seu traballo e así contribuír a potenciar o apoio internacional á reconstrución (aínda que disto podemos falar longamente, pero é outro tema).
Segundo exemplo e máis recente: Ecuador. Se erguemos a man os/as que nos enteramos por Twitter dos disturbios en Ecuador de fai unha semana, seriamos lexión. Esa noite foi a arma de comunicación máis importante do Goberno ecuatoriano para mostrar ao mundo a situación na que se encontraba o presidente Correa. Mesmo anunciouse a través desta rede social a declaración do Estado de Excepción.
E xa por último, este pasado domingo, durante as primarias do PSOE de Madrid, a única información (oficiosa, iso si) era a reflectida no Twitter polos seguidores que estaban “a pé de urna” comentando e anunciando os resultados. Incluso os datos achegados por algún medio de comunicación baseábanse nas publicacións dos/as twiteros/as.
En resumo e tomando dúas achegas de dúas persoas a que sigo en Twitter:
- Twitter é libre. Tuitea como queiras e deixa usar Twitter aos demais como queiran.
- Twitter é a ferramenta definitiva de comunicación universal, ata que apareza unha mellor.











