Download
Embed Insertar este video en tu web
O Catedrático de Sociología da Universidade da Coruña Antonio Izquierdo ofrecerá a conferencia "Como afecta a crise actual ao racismo" este xoves, 22 de marzo, en apoio ao Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial organizada por Equus Zebra.
Calquera que seguira con certa atención o acontecido no Colexio Novo de Arteixo durante este curso académico en relación co lamentable asunto do veo islámico (hiyab), quizáis comprenda mellor este final. Teño escrito moito sobre o particular, no meu blog (mdiosdiz.blogspot.com) e tamén na prensa e nas revistas profesionais. Polo mesmo, non vou agora a reiterar argumentos xa coñecidos ou que calquera persoa interesada pode atopar facilmente. Referireime tan só ó finiquito desta historia ben sintomática.
Pero situémonos. Estamos a falar do que pasou no derradeiro día de curso escolar para a nena de 12 anos, galega e musulmana, Ikhlasse Hakim. Remate das clases. Entrega das notas. Nervios. Festa. Ela ten un bo expediente académico (e outro aberto polo centro por incumprir o Regulamento de Réxime Interno por canto asiste ás aulas con hiyab). Festival de fin de curso, como en tantos colexios e institutos de Galicia. Día de abrazos, despedidas, choros. Máxime si, como Ikhlasse, rematan a Primaria. Para o curso que ven irán ó Instituto. Pero quizais non ó mesmo. A familia da cativa xa está pensando en mandar á nena para Casablanca como resultado de tanta civilizada e democrática tolerancia.
Neste escenario, precisamente neste, con malas formas, sen pensar na nena, nos seus sentimentos, nen un minuto (ou pensando en facer o maior mal posible), José Luis Fernández Pardo, director do Colexio Novo de Arteixo, impedía o acceso da cativa á festa organizada polos seus compañeiros.
Parece difícil maquinar algo tan cruel contra dunha nena de 12 anos. Sen embargo, si analizamos con calma o acontecido durante todo este tempo, non hai lugar para as sorpresas. O principio de autoridade do director está salvado. O expediente disciplinario aberto chegou ós seu punto omega. No último segundo, para que quede claro quen manda. A nena indisciplinada, a nena rebelde, a cativa que ousou vulnerar o RRI, aínda que fose con efectos retroactivos, tivo o seu castigo merecido. O trunfo das normas. E para que se enteren, un escarmento.
As formas, o momento escollido, foron tan ruíns que mesmo no centro onde foi trasladada no último día do curso, o Ponte dos Brozos, a uns metros do Novo, non sabían nada. Nin tiñan recibido a citada Resolución do Expediente. Nen siquera a familia. Ruín, chapuceiro, discriminador... un disparate. Con todo, a Consellería insiste en que "se actuó conforme a derecho".
Durante tres longas horas, a nena Ikhlasse estivo sen escolarizar, veu violentado o seu dereito supremo á educación, foi expulsada do seu colexio e esperou a ser admitida no colexio de enfronte. Sen notas. Illada dos seus amigos e amigas, castigada sen poder asistir á festa final. Excluída, segregada, discriminada, sen compaixón. ¿quen pode amparar tamaña crueldade?. ¿quen o permite? ¿quen o abala?.
Non podemos esquecer que estamos a falar dunha menor, dunha nena de 12 anos, e dun centro educativo, a quen se lle supón criterio e capacidade para educar, para formar, para respetar, para entender o que estaba sucedendo, o mal que se estaba a producir nunha rapaza con dereitos, con todos os dereitos. ¿Quen ensinou educación ós responsables desta maldade?. ¿Que obxectivo educativo buscaban? ¿Pensaron algunha vez na nena? ¿Que pasaría pola súa cabeza?
¿Como podemos dicir que se actuou conforme a dereito?. ¿Ó servizo de quen, de que, está a lei?
A falla de sensibilidade, de afectos, de sentimentos, dos responsables desta infamia non ten límites. O dano causado a esta cativa ¿quen o vai a reparar?. ¿Era necesario? ¿Por qué?
Percíbese un cheiro a podre que invade desde Arteixo a Galicia enteira. Cheira a racismo, a islamofobia, a intolerancia, a brutalidade inquisitorial, a outros tempos, pero sobre todo, cheira a chulería, a prepotencia, a vergoña allea, a indignación.

Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-SenObraDerivada 3.0 Unported de Creative Commons
Icons by http://dryicons.com
Powered by Joomla | Proxecto web de AB Serveis Tecnològics