"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
A Análise Reflexións. Manuel Dios Veñen tempos escuros
Venres, 03 Febreiro 2012 12:30

Veñen tempos escuros Destaque

Escrito por Manuel Dios Diz
Valore este artigo
(0 votos)

Parece que estamos condenados –irremisiblemente- a vivir reformas (ou contrarreformas) educativas cada vez que se produce un cambio de goberno. Nisto somos únicos. Con acordo ou sen el, poñemos todo patas arriba: contidos, organización, obxectivos, materias, denominacións, estrutura... ¡cada dous anos e medio!. Unha cifra de marca. Resulta difícil atopar algo similar no mundo. Parece delirante, unha auténtica maquinación para tolear ó alumnado, pais e nais, profesorado, en definitiva, a toda a comunidade educativa.


José Ignacio Wert, o novo ministro de educación, non quere pasar por menos, quizáis xa para entrar no Guinness dos récords en reformas educativas.

Aínda que non presenta unha lei nova, na practica, estamos diante de cambios substanciais que afectarán de maneira profunda a todo o sistema. Non quero agora analizar as reformas anunciadas polo ministro na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados. Tempo haberá. Limitareime a facer algunhas reflexións sobre a decisión de suprimir a materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos. Por certo, por que esquecemos esta segunda parte da denominación da materia tantas veces?, só por economía da linguaxe?. Agora teremos unha denominada Educación Cívica e Constitucional. Si fose só unha cuestión terminolóxica, pouco problema habería... aínda que eu, persoalmente, gusto máis de Cidadanía e Dereitos Humanos que de Cívica e Constitucional, para qué enganarnos.

Sabíamos das intencións do PP. Foi un cabalo de batalla, antes, durante, e despois de aprobarse a súa implantación en 2006. Nas anteriores eleccións e nas últimas, Mariano Rajoy anunciou reiteradamente que a suprimiría. Iso era o que demandaban os sectores máis integristas de dentro e fora do seu partido, a desaparición pura e dura. Sen alternativa. Paulatinamente empezaron a escoitarse voces, bastante tímidas, de substituíla por unha materia menos “problemática”, máis “neutral”, menos “controvertida”.

Pola súa procedencia, a socioloxía, polos seus estudios de opinión e os comentarios manifestados en diversos medios e tertulias, Wert non parecía un integrista, e menos un mentiroso. E tirou pola vía da substitución. Si escoitamos ós que aplauden coas orellas veremos cales son os intereses que se acochan detrás da decisión. Algúns, os máis extremos, a xerarquía eclesiástica, as asociacións católicas, os sindicatos dereitistas, estaban pola supresión, sen máis miramento. Eran partidarios de dedicar eses tempos de "relativismo moral" e “doutrina socialista” ás matemáticas ou ás linguas, que falta fan...

Nin uns nin outros pensaron, por exemplo, no horario da relixión adoutrinadora cando suspiran por un mellor aproveitamento lectivo...

A idea dunha materia como a anunciada, Educación Cívica e Constitucional, neutra, aséptica, despoxada de controversias, non é nova. Trátase, en definitiva, de retirar o que os centros concertados  relixiosos xa adaptaran ó seu propio ideario, como fixo a FERE, é dicir, modelos familiares, pluralidade social, diversidade, dereitos das mulleres, igualdade, minorías, dereitos humanos, maneiras de vivir, e todo aquilo relacionado coas relacións interpersoais, a sexualidade, os anticonceptivos, aborto, e demais asuntos da entreperna, que tanto preocupan a algúns. Pero non era necesario mentir ou sacar un libro, que non é de texto, para xustificarse. Soa a burda manipulación interesada.

Á espera de coñecer con exactitude os temas concretos, polo avanzado, os novos contidos serían asuntos xa abordados nas materias de sociedade, sobre todo, historia europea e valores constitucionais. Como anunciou o propio ministro, lonxe de  calquera tentación de adoutrinamento ideolóxico, faltaría máis...

A Conferencia Episcopal, a principal opositora á Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, xunto cos sectores máis "ultracentristas", o TDT Party, apresuráronse a aplaudir a decisión. Os mesmos que adoutrinan a diario, dentro e fora da escola, concertada ou non, os que añoran a imposición dos seus propios valores morais privados a todos -qué tufo a nacionalcatolicismo-, os que promoveron unha auténtica cruzada mediática e mobilizadora contra Cidadanía, os obxectores, aqueles que predicaron mesmo a desobediencia civil, están hoxe de parabéns. As súas teses e o seu apoio vese agora ben recompensado. Todos ós pés das sotanas de Rouco...outra vez, as cousas ó seu rego, como Dios manda...

Tal e como teño comentado e escrito, nesta cuestión, como noutras, somos unha auténtica anomalía histórica. A intolerancia está tan alentada desde institucións relixiosas e políticas que mesmo ignoramos as recomendacións internacionais que asinamos, do Consello de Europa, da UE, da UNESCO, da ONU, en relación coa cidadanía democrática e os dereitos humanos desde hai xa moitos anos.

Federico Mayor Zaragoza afirma que “a aprendizaxe da democracia é a pedagoxía da paz”. Si excluímos os asuntos “controvertidos”, “problemáticos” da escola, estaremos anulando a capacidade crítica do alumnado. Ou acaso a democracia, a paz, a dignidade, a desigualdade, a inxustiza, a non discriminación, a liberdade, Europa... non son temas controvertidos?. E si nos referimos ás actitudes, ós valores, ou ás normas ?.

Si por adoutrinamento  entendemos o conxunto de medidas e de prácticas educativas, e de propaganda, usadas polas elites sociais dominantes como medio de control social, as reformas, mellor dito, as contrarreformas, anunciadas por José Ignacio Wert, e particularmente, a supresión da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos para substituíla por unha Educación Cívica e Constitucional “neutra” ten, tamén, unha clara intencionalidade ideolóxica xa que, baixo unha aparencia de neutralidade educativa, acóchase sempre un código ético, explícito ou non. Do que se trata é de saber si ese código que sustenta ese modelo educativo é o mínimo común denominador para convivir en democracia, as virtudes cívicas, ou se trata, polo contrario, dun código moral privado de crenzas, costumes e tradicións a impoñer ó conxunto da sociedade.Veñen tempos escuros.


Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, doutorando en Estudios Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985), profesor con destino definitivo no IES de Cacheiras (Teo), na actualidade traballando en Comisión de Servizos no SGEP en convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Naceu en Santiago de Compostela, na Rúa da Troia nº 15, está casado e ten unha filla.

É autor de numerosas Unidades Didácticas dirixidas ó profesorado (Declara-la paz, reclama-los nosos dereitos; Educar para a Paz, globalmente; Sobre a violencia nos medios de comunicación: unha educación necesaria; Educar nos afectos, frear a violencia...), de Libros (Cine para convivir; en colaboración en Acción titorial, transversalidade e resolución de conflitos; ou En son de Paz), de numerosos Artigos en revistas profesionais e en prensa, e director de Documentais como “En son de Paz”, “Cultura de Paz” (2005) e coguionista de “Por nada”, unha curta de ficción sobre a violencia xuvenil e o ciberacoso, obras premiadas en diversos festivais.

Membro do Comité Asesor Internacional do Chamamento pola Paz da Haia (Hague Appeal for Peace), da Asociación Internacional de Educación para a Paz (Teachers for Peace), da rede internacional Trascend, da Asociación AIPAZ, rede de centros de investigación para a paz do estado español, así como da Fundación Cultura de Paz que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

Manuel Dios Diz recibíu o Premio á promoción de condutas tolerantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola súa experiencia “Educar para a Paz, globalmente” (2002). Imparte numerosos cursos de formación do profesorado en servizo, en Galicia, no Estado e a nivel internacional.

En Galicia colabora habitualmente cos CEFORES (Centros de Formación e Recursos) e dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación sobre distintos aspectos como son: A educación para a Paz, recursos e dinámicas de aula; Cine para convivir, Cine e historia; Transversalidade, Educación afectivo-emocional, Educación para a convivencia, Plan Galego de Convivencia Escolar; Cultura de Paz, Conflitividade e convivencia escolar...

Entre os anos 70 e 90 tivo un papel moi destacado na constitución e desenvolvemento do sindicalismo nacionalista galego, na universidade, no ensino e no movemento obreiro, formando parte das executivas do ensino e confederais da CXTG, da Intersindical Galega e da CIG, ata o ano de 1994 en que decidiu dedicarse plenamente á súa profesión de educador.

Foi membro do Consello Escolar do Estado durante dúas lexislaturas e do Consello Escolar de Galicia en representación do profesorado galego.

Participou activamente no movemento sindical educativo a nivel internacional durante os anos ’80, representando ó sindicalismo galego na Federación Internacional de Sindicatos do Ensino (FISE), no Congreso Sindical Mundial da FSM en Berlín e na constitución oficial da Internacional da Educación (IE) en Estocolmo.

Máis recentemente, foi Vicepresidente da Conferencia Mundial para a Paz, a Solidariedade e o Desenvolvemento, que co auspicio da ONU e da UNESCO, patrocinou a Xunta de Galicia no ano 2005 e presidiu, no marco da citada Conferencia, o Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz que tivo lugar no mes de maio de 2005 en Compostela coa presenza de varios premios nobel da paz.

Na actualidade é tamén Director da Fundación Cultura de Paz en Galicia e membro do Consello Internacional do Foro Mundial de Educación (FME) que forma parte do Foro Social Mundial (FSM), así como do Foro Social Galego que agrupa a case que un cento de asociacións e movementos sociais de Galicia.

Manuel Dios Diz, recibíu o Premio “Hagamos las paces” concedido polo Instituto Internacional per la Pau da Generalitat de Cataluña polo seu Documental “En son de Paz” no marco do III Festival Internacional de Cine y Derechos Humanos (2005) e foi tamén finalista dos Premios Mestre Mateo ó mellor documental galego dese mesmo ano.

Representou á Fundación Cultura de Paz no Foro Mundial de Educación (FME) de Caracas 2006 e no Foro Social Mundial (FSM) dese mesmo ano na capital venezolana. Tamén na Cumbre pola Paz de Colombia en 2009.

Manuel Dios participou de maneira moi activa na redacción do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia, así como no deseño do Observatorio Galego da Convivencia Escolar de Galicia, aprobados pola Consellería de Educación, e firmante do Acordo Interinstitucional para o seu desenvolvemento en representación do Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz) que foi presentado oficialmente polo Presidente da Xunta, D. Emilio Pérez Touriño o 30 de Xaneiro de 2007, Día Escolar pola Paz.

Coordinou o Ciclo de Diálogos pola Paz durante o curso 2007/2008, celebrados en Compostela e A Coruña, entre Novembro e Xuño, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e a USC, sobre o proceso de paz no País Vasco, coa participación de destacadísimas personalidades de ámbito nacional e internacional. E no ano 2008, nos Diálogos Altermundialistas, entre os meses de Outubro e Maio, en Santiago e Vigo.

É coautor da ferramenta didáctica  da serie documental e para televisión titulada “Linatakalam” (Falemos) producida por IBISA TV.

Dirixíu a realización dun novo Documental titulado “Cultura de Paz” con Ficción Producciones en 2007.

Desde o pasado 30 de Xaneiro, é membro do Observatorio Galego da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio proposto pola Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

Na actualidade é Sº Coordinador do Comité Organizador do FORO 2010 que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

En 2009 foi nomeado Vicepresidente do Consello de Dirección da Fundación Cultura de Paz.

E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Engadir comentario


ESCOITA Agareso Radio

AGARESO Radio

Winamp  windows Media Player  Real Player  QuickTime


Axenda