"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
A Análise Reflexións. Manuel Dios 30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz: "Aquí seguimos, como o primeiro día"
Luns, 30 Xaneiro 2012 09:18

30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz: "Aquí seguimos, como o primeiro día" Destaque

Escrito por Manuel Dios Diz
Valore este artigo
(0 votos)

Son xa moitos anos. Moitas cousas teñen cambiado desde 1985, cando empezamos a promover a celebración nas aulas galegas do Día Escolar pola Paz. Tiñamos pelo. Menos anos. A mesma ilusión.


Daquela viviamos os finais da Guerra Fría, que era quente en moitos lugares interpostos. O Muro de Berlín non caera. Ninguén podía imaxinar que o faría en catro anos. Nin sequera Gorvachov. Cantabamos o “Bayon da OTAN”, coa Trinca, rataplan, rataplan, rataplan..., os euromisís occidentais apuntaban a URSS, e a Educación para a Paz empezaba. O desarmamento, obviamente, estaba no centro das nosas preocupacións, e os Dereitos Humanos, sempre os Dereitos Humanos, a Declaración Universal de 1948, precisamente, o mesmo ano en que Mahatma Gandhi, morría asasinado, ¡que paradoxo!.

Llorenc Vidal, un inspector de educación maiorquino, desde mediados dos anos ’60, viña animando, con desigual fortuna, a colexios e institutos, a conmemorar, cada 30 de Xaneiro, aquel magnicidio. El foi o auténtico impulsor das primeiras celebracións en España do DENYP (Día Escolar de la Noviolencia y la Paz). Nos simplemente o seguimos.

Eramos moi poucos, uns aquí e outros acolá, como diría Manuel María, espallados pola xeografía galega, promovendo iniciativas arredor desta data, Suso Jares, Calo Iglesias, eu mesmo, en Vigo, en Catoira, e moi poucos centros máis. Sen embargo, desde mediados dos anos ’80, a celebración foise estendendo, había xa unha reivindicación concreta, un chamamento ó profesorado, as primeiras Unidades Didácticas, os primeiros encontros, conferencias, mesas redondas, obradoiros..., timidamente o Día Escolar pola Paz empezaba a coñecerse, pouco a pouco, sen apoios, de maneira voluntaria, o profesorado sumábase, e non era fácil. Brandos, conciliadores, inxenuos, utópicos... era do mellor que nos chamaban.

Habería que esperar á Lei de Educación do 90, á LOGSE, para que a Educación para a Paz pasase a ser un eixe transversal obrigatorio do currículum. Foi un cambio radical, propiciado, obviamente, polo traballo previo de moitos grupos e organizacións como a nosa, no conxunto do Estado, entidades de educación e investigación para a paz, agrupadas hoxe en AIPAZ, que nacen naquelas mesmas datas, algunhas arredor do Movemento de Obxección de Conciencia, o MOC e da campaña anti-OTAN.

A transversalidade, é dicir, que os obxectivos, contidos, metodoloxías, actividades, da Educación para a Paz, atravesaran o currículum e a vida dos centros, en todas direccións, foise convertendo, quizais sen querelo, en tanxencialidade, é dicir, tocaba o currículum, nun día, por exemplo, o da paz, e logo desaparecía. Tamén houbo escaso interese institucional por ela, fíxose moi pouco en formación do profesorado, víase con moita desconfianza, o balance final non foi especialmente positivo. Moitas expectativas e poucas noces. Por iso, a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, que recollía moitos dos contidos transversais anteriores, fíxose materia diferenciada e con profesorado específico.




E a conflitividade e a violencia escolar veuse, por fin, como un problema. E Jokin deixounos a todos fríos, en Hondarribia. Era 2004. E comezaron en serio os Plans Integrais para a Mellora da Convivencia Escolar, os Plans de Convivencia de Centro, os Observatorios, os Equipos de Mediación e Tratamento de Conflitos.

E aquí estamos, ás portas dun novo 30 de Xaneiro, persistindo na importancia da celebración, pero, sobre todo, da incorporación diaria da Educación para a Paz ó currículum, na prevención das violencias, no fomento da convivencia, no apoio ós equipos de mediación e tratamento de conflitos, igualdade de xénero, dos dereitos humanos, do diálogo e da interculturalidade, da xustiza e a nonviolencia, dos valores cívicos e democráticos, da cidadanía, obxectivos cos que simbolizar -nun día- o traballo de todo un ano, de tantos anos.

O Seminario Galego de Educación para a Paz, igual que hai 26 anos, ofrece a súa colaboración ó profesorado. Na súa web: www.sgep.org podedes atopar numerosos recursos didácticos, propostas, como a dos Paraugas pola Paz, unha maneira moi vistosa e lúdica de organizar as celebracións deste 2012.

E como en anos anteriores, ese día, o 30 de Xaneiro, luns, temos unha cita co alumnado de Padrón na Horta da Paz da Casa de Rosalía de Castro, e pola tarde, a tradicional cerimonia de entrega do Premio Portapaz, nesta ocasión, a Paul Ríos, voceiro de Lokarri, Rede Cidadá Vasca polo Acordo, a Reconciliación e a Consulta, artífice da Conferencia de Paz de Aiete, que dou paso ó remate definitivo das accións armadas de ETA, probablemente a mellor nova de 2011.

Parabéns e grazas a  todo o profesorado galego, ó que segue a considerar que a Cultura da Paz merece a pena, que os dereitos humanos seguen de actualidade, que os valores cívicos e democráticos non son unha moda, e que a convivencia, constrúese,  construímola, cada día, e todos os días, tamén na escola, coas mans xuntas, nunca alzadas, que diría Federico Mayor Zaragoza. Grazas.


Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, doutorando en Estudios Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985), profesor con destino definitivo no IES de Cacheiras (Teo), na actualidade traballando en Comisión de Servizos no SGEP en convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Naceu en Santiago de Compostela, na Rúa da Troia nº 15, está casado e ten unha filla.

É autor de numerosas Unidades Didácticas dirixidas ó profesorado (Declara-la paz, reclama-los nosos dereitos; Educar para a Paz, globalmente; Sobre a violencia nos medios de comunicación: unha educación necesaria; Educar nos afectos, frear a violencia...), de Libros (Cine para convivir; en colaboración en Acción titorial, transversalidade e resolución de conflitos; ou En son de Paz), de numerosos Artigos en revistas profesionais e en prensa, e director de Documentais como “En son de Paz”, “Cultura de Paz” (2005) e coguionista de “Por nada”, unha curta de ficción sobre a violencia xuvenil e o ciberacoso, obras premiadas en diversos festivais.

Membro do Comité Asesor Internacional do Chamamento pola Paz da Haia (Hague Appeal for Peace), da Asociación Internacional de Educación para a Paz (Teachers for Peace), da rede internacional Trascend, da Asociación AIPAZ, rede de centros de investigación para a paz do estado español, así como da Fundación Cultura de Paz que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

Manuel Dios Diz recibíu o Premio á promoción de condutas tolerantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola súa experiencia “Educar para a Paz, globalmente” (2002). Imparte numerosos cursos de formación do profesorado en servizo, en Galicia, no Estado e a nivel internacional.

En Galicia colabora habitualmente cos CEFORES (Centros de Formación e Recursos) e dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación sobre distintos aspectos como son: A educación para a Paz, recursos e dinámicas de aula; Cine para convivir, Cine e historia; Transversalidade, Educación afectivo-emocional, Educación para a convivencia, Plan Galego de Convivencia Escolar; Cultura de Paz, Conflitividade e convivencia escolar...

Entre os anos 70 e 90 tivo un papel moi destacado na constitución e desenvolvemento do sindicalismo nacionalista galego, na universidade, no ensino e no movemento obreiro, formando parte das executivas do ensino e confederais da CXTG, da Intersindical Galega e da CIG, ata o ano de 1994 en que decidiu dedicarse plenamente á súa profesión de educador.

Foi membro do Consello Escolar do Estado durante dúas lexislaturas e do Consello Escolar de Galicia en representación do profesorado galego.

Participou activamente no movemento sindical educativo a nivel internacional durante os anos ’80, representando ó sindicalismo galego na Federación Internacional de Sindicatos do Ensino (FISE), no Congreso Sindical Mundial da FSM en Berlín e na constitución oficial da Internacional da Educación (IE) en Estocolmo.

Máis recentemente, foi Vicepresidente da Conferencia Mundial para a Paz, a Solidariedade e o Desenvolvemento, que co auspicio da ONU e da UNESCO, patrocinou a Xunta de Galicia no ano 2005 e presidiu, no marco da citada Conferencia, o Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz que tivo lugar no mes de maio de 2005 en Compostela coa presenza de varios premios nobel da paz.

Na actualidade é tamén Director da Fundación Cultura de Paz en Galicia e membro do Consello Internacional do Foro Mundial de Educación (FME) que forma parte do Foro Social Mundial (FSM), así como do Foro Social Galego que agrupa a case que un cento de asociacións e movementos sociais de Galicia.

Manuel Dios Diz, recibíu o Premio “Hagamos las paces” concedido polo Instituto Internacional per la Pau da Generalitat de Cataluña polo seu Documental “En son de Paz” no marco do III Festival Internacional de Cine y Derechos Humanos (2005) e foi tamén finalista dos Premios Mestre Mateo ó mellor documental galego dese mesmo ano.

Representou á Fundación Cultura de Paz no Foro Mundial de Educación (FME) de Caracas 2006 e no Foro Social Mundial (FSM) dese mesmo ano na capital venezolana. Tamén na Cumbre pola Paz de Colombia en 2009.

Manuel Dios participou de maneira moi activa na redacción do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia, así como no deseño do Observatorio Galego da Convivencia Escolar de Galicia, aprobados pola Consellería de Educación, e firmante do Acordo Interinstitucional para o seu desenvolvemento en representación do Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz) que foi presentado oficialmente polo Presidente da Xunta, D. Emilio Pérez Touriño o 30 de Xaneiro de 2007, Día Escolar pola Paz.

Coordinou o Ciclo de Diálogos pola Paz durante o curso 2007/2008, celebrados en Compostela e A Coruña, entre Novembro e Xuño, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e a USC, sobre o proceso de paz no País Vasco, coa participación de destacadísimas personalidades de ámbito nacional e internacional. E no ano 2008, nos Diálogos Altermundialistas, entre os meses de Outubro e Maio, en Santiago e Vigo.

É coautor da ferramenta didáctica  da serie documental e para televisión titulada “Linatakalam” (Falemos) producida por IBISA TV.

Dirixíu a realización dun novo Documental titulado “Cultura de Paz” con Ficción Producciones en 2007.

Desde o pasado 30 de Xaneiro, é membro do Observatorio Galego da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio proposto pola Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

Na actualidade é Sº Coordinador do Comité Organizador do FORO 2010 que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

En 2009 foi nomeado Vicepresidente do Consello de Dirección da Fundación Cultura de Paz.

E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Engadir comentario


ESCOITA Agareso Radio

AGARESO Radio

Winamp  windows Media Player  Real Player  QuickTime


Axenda