"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
A Análise Reflexións. Manuel Dios Unha pedagoxía para a paz
Venres, 13 Maio 2011 10:02

Unha pedagoxía para a paz Destaque

Escrito por Manuel Dios Diz
Valore este artigo
(0 votos)

Cando falamos dunha pedagoxía para a paz estamos a referirnos, obviamente, a unha pedagoxía alternativa, alonxada de modelos e prácticas tradicionalistas, aquelas que, en esencia, reproducen o sistema vixente.

Paulo Freire, veño de recordalo moi activamente en Sáo Paulo, falaba dunha pedagoxía, dunha educación, liberadora, desde unha perspectiva humanista e progresista, transformadora, para superar o modelo tradicional baseado no medo e no silencio, no individualismo, o que o mestre brasileiro chamaba tamén unha “educación bancaria” un concepto que hoxe sona, aínda, peor.

Por eso o diálogo ten tanta importancia na educación para a paz, o diálogo como metodoloxía, non só como ferramenta imprescindible para abordar os conflitos senón como principio, entre docentes, e co alumnado, para intercambiar experiencias, coñecementos e apoiarse mutuamente, porque nos educamos xuntos. O diálogo como mecanismo fundamental para prever e afrontar os conflitos de convivencia (compartir vivencias xuntos), para darlle unha saída positiva, por iso falamos tanto de solución dialogada dos conflitos.

O pensamento crítico, a capacidade de poñer en cuestión, a dúbida, as preguntas para atopar respostas, a pedagoxía da pregunta que xa estaba en Sócrates, como un aspecto central de calquera proxecto pedagóxico alternativo, para fuxir do autoritarismo e da domesticación.

Porque efectivamente, sabémolo ben, a educación pode ser domesticadora, reproductora, pero tamén, como dicía Freire, pode abrir portas, liberar. Educar para reproducir a inxustiza e a dominación non pode ser unha fatalidade pedagóxica.

Domesticar e adoutrinar están en contradicción directa co diálogo e co debate, moi diferente da polémica e da crispación, do insulto e o menosprezo do outro. O diálogo esixe escoita activa, reflexión, para chegar a acordos e superar positivamente as diverxencias.

A pedagoxía para a paz non se limita a trasmitir coñecementos racionais sobre os dereitos humanos, a democracia, os valores cívicos, as virtudes cidadás, nin o fai por medio de discursos ou sermóns. Os contidos sen acción, sen participación, sen o protagonismo individual e colectivo, conducen á pasividade, ó egoísmo, á vanidade, que non axudan, precisamente, ó cambio e á tranformación social. Todo o contrario, levan á aceptar resignadamente o mundo tal cual é, como se non houbese alternativa algunha. E temos que reiteralo, outro mundo é posible.

Un proxecto de pedagoxía liberadora ten moi presente a formación cidadá, os valores cívicos e democráticos, a xustiza, o respeto, a solidariedade, a liberdade, a democracia, construída dentro da propia escola, a tolerancia, a interculturalidade, a protección do medio natural (estar en paz co medio).

Non é suficiente con falar e falar, xa que o alumnado, como os fillos e as fillas, aprende dos comportamentos que observan, por iso ten tanta importancia a coherencia (evitar contradiccións entre o que facemos e o que dicimos) como o exemplo, a pedagoxía do exemplo, procurando a autonomía. O dicía María Montessori “Si axudas a un neno máis do que o necesita, estás impedindo que medre”.

E non quero deixar de mencionar a autoridade, ese máxico equilibrio entre liberdade e autoridade que temos que atopar, como pais e nais, como educadores, para non caer no autoritarismo nin na superprotección e o colegueo, ambos perniciosos. Esa “auctoritas” da que falaban os gregos é un arte, non deriva da imposición nen do cargo, senón que temos que gañala, cada día e tódos os días, co exemplo, coa dedicación, co esforzo e a preocupación, con cariño, cos afectos e os sentimentos, coa tenrura, individual e colectivamente, por medio do traballo cooperativo, con xogos e dinámicas de aula, con amor polo noso traballo, apelando ás emocións, estimulando ó alumnado pola vida e polo saber.

E agora que falamos tanto da indignación, desde que Stéphane, Hessel, cos seus 94 anos, redactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, ven de recordalo de maneira tan elocuente, recuperando o panfleto como xénero literario, debemos falar tamén dunha pedagoxía da indignación diante das atrocidades que coñecemos, porque nunha pedagoxía para a paz non ten cabida o conformismo, nin o fatalismo, nin a pasividade, senón todo o contrario, a participación, a democracia, o pensamento libre, fronte da sumisión, con esperanza e con paciencia, moita paciencia.


Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz.




Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, doutorando en Estudios Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985), profesor con destino definitivo no IES de Cacheiras (Teo), na actualidade traballando en Comisión de Servizos no SGEP en convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Naceu en Santiago de Compostela, na Rúa da Troia nº 15, está casado e ten unha filla.

É autor de numerosas Unidades Didácticas dirixidas ó profesorado (Declara-la paz, reclama-los nosos dereitos; Educar para a Paz, globalmente; Sobre a violencia nos medios de comunicación: unha educación necesaria; Educar nos afectos, frear a violencia...), de Libros (Cine para convivir; en colaboración en Acción titorial, transversalidade e resolución de conflitos; ou En son de Paz), de numerosos Artigos en revistas profesionais e en prensa, e director de Documentais como “En son de Paz”, “Cultura de Paz” (2005) e coguionista de “Por nada”, unha curta de ficción sobre a violencia xuvenil e o ciberacoso, obras premiadas en diversos festivais.

Membro do Comité Asesor Internacional do Chamamento pola Paz da Haia (Hague Appeal for Peace), da Asociación Internacional de Educación para a Paz (Teachers for Peace), da rede internacional Trascend, da Asociación AIPAZ, rede de centros de investigación para a paz do estado español, así como da Fundación Cultura de Paz que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

Manuel Dios Diz recibíu o Premio á promoción de condutas tolerantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola súa experiencia “Educar para a Paz, globalmente” (2002). Imparte numerosos cursos de formación do profesorado en servizo, en Galicia, no Estado e a nivel internacional.

En Galicia colabora habitualmente cos CEFORES (Centros de Formación e Recursos) e dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación sobre distintos aspectos como son: A educación para a Paz, recursos e dinámicas de aula; Cine para convivir, Cine e historia; Transversalidade, Educación afectivo-emocional, Educación para a convivencia, Plan Galego de Convivencia Escolar; Cultura de Paz, Conflitividade e convivencia escolar...

Entre os anos 70 e 90 tivo un papel moi destacado na constitución e desenvolvemento do sindicalismo nacionalista galego, na universidade, no ensino e no movemento obreiro, formando parte das executivas do ensino e confederais da CXTG, da Intersindical Galega e da CIG, ata o ano de 1994 en que decidiu dedicarse plenamente á súa profesión de educador.

Foi membro do Consello Escolar do Estado durante dúas lexislaturas e do Consello Escolar de Galicia en representación do profesorado galego.

Participou activamente no movemento sindical educativo a nivel internacional durante os anos ’80, representando ó sindicalismo galego na Federación Internacional de Sindicatos do Ensino (FISE), no Congreso Sindical Mundial da FSM en Berlín e na constitución oficial da Internacional da Educación (IE) en Estocolmo.

Máis recentemente, foi Vicepresidente da Conferencia Mundial para a Paz, a Solidariedade e o Desenvolvemento, que co auspicio da ONU e da UNESCO, patrocinou a Xunta de Galicia no ano 2005 e presidiu, no marco da citada Conferencia, o Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz que tivo lugar no mes de maio de 2005 en Compostela coa presenza de varios premios nobel da paz.

Na actualidade é tamén Director da Fundación Cultura de Paz en Galicia e membro do Consello Internacional do Foro Mundial de Educación (FME) que forma parte do Foro Social Mundial (FSM), así como do Foro Social Galego que agrupa a case que un cento de asociacións e movementos sociais de Galicia.

Manuel Dios Diz, recibíu o Premio “Hagamos las paces” concedido polo Instituto Internacional per la Pau da Generalitat de Cataluña polo seu Documental “En son de Paz” no marco do III Festival Internacional de Cine y Derechos Humanos (2005) e foi tamén finalista dos Premios Mestre Mateo ó mellor documental galego dese mesmo ano.

Representou á Fundación Cultura de Paz no Foro Mundial de Educación (FME) de Caracas 2006 e no Foro Social Mundial (FSM) dese mesmo ano na capital venezolana. Tamén na Cumbre pola Paz de Colombia en 2009.

Manuel Dios participou de maneira moi activa na redacción do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia, así como no deseño do Observatorio Galego da Convivencia Escolar de Galicia, aprobados pola Consellería de Educación, e firmante do Acordo Interinstitucional para o seu desenvolvemento en representación do Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz) que foi presentado oficialmente polo Presidente da Xunta, D. Emilio Pérez Touriño o 30 de Xaneiro de 2007, Día Escolar pola Paz.

Coordinou o Ciclo de Diálogos pola Paz durante o curso 2007/2008, celebrados en Compostela e A Coruña, entre Novembro e Xuño, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e a USC, sobre o proceso de paz no País Vasco, coa participación de destacadísimas personalidades de ámbito nacional e internacional. E no ano 2008, nos Diálogos Altermundialistas, entre os meses de Outubro e Maio, en Santiago e Vigo.

É coautor da ferramenta didáctica  da serie documental e para televisión titulada “Linatakalam” (Falemos) producida por IBISA TV.

Dirixíu a realización dun novo Documental titulado “Cultura de Paz” con Ficción Producciones en 2007.

Desde o pasado 30 de Xaneiro, é membro do Observatorio Galego da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio proposto pola Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

Na actualidade é Sº Coordinador do Comité Organizador do FORO 2010 que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

En 2009 foi nomeado Vicepresidente do Consello de Dirección da Fundación Cultura de Paz.

E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Engadir comentario


ESCOITA Agareso Radio

AGARESO Radio

Winamp  windows Media Player  Real Player  QuickTime


Axenda