"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
A Análise Reflexións. Manuel Dios Convivencia e Participación
Luns, 10 Xaneiro 2011 21:02

Convivencia e Participación Destaque

Escrito por Manuel Dios Diz
Valore este artigo
(2 votos)

Ninguén pode estar en contra de lexislar en materia de convivencia ou de participación nunha sociedade democrática. Participación e convivencia escolar son, ademais, dous factores recoñecidos da calidade do ensino. Polo tanto, o debate non pode ser sobre a pertinencia ou non de elaborar unha lei en Galicia que amplíe, mellore e desenvolva o que xa temos avanzado sobre participación e convivencia, que non é pouco, como comentarei a continuación.

Sobre convivencia escolar véñense reclamando medidas de carácter formativo, lexislativo, mediador, preventivo e disciplinario desde hai moitos anos. Calquera pode velo, por exemplo, visitando a páxina web do Seminario Galego de Educación para a Paz, especialmente, no seu apartado sobre “Conflitividade e convivencia escolar” ou relendo libros como “Educar para a Paz desde o conflito”; “Educar pacificando: unha pedagoxía dos conflitos” do noso compañeiro Calo Iglesias ou “Acción titorial, transversalidade e resolución de conflitos” (ICE; 2001), entre outros.

Mais foi a partir da morte de Jokin en Hondarribia, en 2004, cando as distintas administracións educativas decidiron poñer en marcha plans e observatorios sobre a convivencia escolar, certo que, ás veces, a golpe de titular. En Galicia empezamos a traballar seriamente sobre este asunto en 2005. Digamos, en honor á verdade, que Celso Currás, no remate do seu mandato, estaba moi interesado e comprometido coa necesidade de lexislar nesta materia. Sen embargo foi co goberno bipartito cando, durante case dous cursos, unha comisión mixta elaborou un proxecto de Plan Integral para a Mellora da Convivencia Escolar de Galicia sobre a base dun documento propio titulado “Bases para a elaboración dun Plan Galego de Convivencia Escolar” (2006) que foi sometido á consideración de toda a comunidade educativa, organizacións non gobernamentais, sindicatos, asociacións de pais e de nais, patronais, movementos de renovación pedagóxica..., cunha vontade inequívoca de acordo e de consenso. Non foi casual que o Plan Integral se asinara, por máis de 35 entidades e colectivos pedagóxicos, nunha sesión solemne o Día Escolar pola Paz, o 30 de Xaneiro de 2007, e que fora rubricado no propio acto polo Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. O texto do acordo como as súas propostas concretas están, desde aquela, no Portal Educativo da Xunta de Galicia. Tamén nos colexios e institutos. O 12 de Abril de 2007 aprobábase o Decreto de Creación do Observatorio Galego da Convivencia Escolar (DOG do 8 de Maio).

Polo tanto, como se pode ver, non partimos de cero en materia de convivencia escolar en Galicia. Non estamos diante dun descubrimento. De feito, moitos centros escolares galegos viñan traballando razoablemente ben os seus conflitos desde moito antes de existir a citada lexislación. Mesmo gañando premios e recoñecementos. E o seguiron facendo nestes últimos anos diante da evidente parálise institucional coa non convocatoria do Observatorio Galego e a vulneración dunha das súas principais funcións, a elaboración do Informe sobre o Estado e Situación da Convivencia Escolar en Galicia.

Tanto no Plan Integral como no deseño do Observatorio tivemos moito que ver o falecido Suso Jares, Manuel Armas e máis eu, os tres primeiros expertos que entramos no organismo na cota de personalidades de recoñecido prestixio propostos por Laura Sánchez Piñón en recoñecemento do importante traballo previo realizado.

Calquera proxecto sobre a convivencia escolar, parece obvio, debe buscar a máxima participación e o consenso entre os distintos sectores. Debe perseguir o ideal da unanimidade, si é posible, entre as forzas políticas parlamentarias, moito máis si falamos dunha lei. Non podemos pretender impoñer un texto lexislativo por un voto, ou facelo de costas ás organizacións maioritarias do profesorado, das asociacións de pais e de nais, dos movementos de renovación pedagóxica, das organizacións que veñen traballando, desde hai tantos anos, sobre un asunto ben sensible. Ese non foi o procedemento seguido con anterioridade nin debera selo, en ningún caso, no futuro.

Si sobre convivencia escolar xa manifestamos que non partimos de cero, nin en Galicia nin en ningunha parte, menos aínda en cuestións de participación, entre outras cuestións porque participar é unha maneira de convivir, compartir vivencias xuntos. Pois ben, sobre participación escolar o lexislador desenvolveu sobre todo o artigo 27 da Constitución de 1978, coa LODE (1985), logo coa LOGSE (1990) e posteriormente coa específica Lei Orgánica da participación, avaliación e goberno dos Centros Docentes (1995). Por non abondar. É dicir que, cando menos tres leis orgánicas, tratan o relevante asunto da participación escolar sen que, lamentablemente, melloraran os niveis de compromiso de pais e nais na xestión e no goberno dos centros. O déficit participativo de pais e de nais ten causas múltiples e complexas, difíciles de abordar nun artigo, pero quizais o que necesitemos para superalo sexa menos retórica lexislativa e máis facilidades e incentivos que fomenten e animen a participación.

Mais volvamos ó asunto que nos ocupa ¿compre aprobar unha lei galega de convivencia e participación? A miña resposta é positiva si se fai, primeiro, desde o acordo e o consenso, con vontade de diálogo e de concordia máximas. Segundo, si o facemos para desenvolver e mellorar o existente, o que significa, con carácter previo, avaliar o Plan Integral e o Observatorio vixentes, xunto cos Plans de Centro. Somentes así teremos un correcto diagnóstico da situación e poderemos propor medidas de futuro.

Non parece que a mellor Lei sobre a Convivencia e a Participación sexa aquela que ignore deliberadamente o realizado ou que impida “tomar parte” pois iso é precisamente o que significa, en latín, “participare”.  E para tomar parte teriamos que sentirnos parte, estar dispostos a partir con, pactar, compartir ideas, proxectos educativos de alcance, desde a diferencia, sobre a palabra e o diálogo. Os tempos, o clima político e as experiencias últimas non animan precisamente ó optimismo. Tampouco os contidos da futura lei, alomenos os adiantados polos medios, parecen ir naquela dirección. Unha lástima.



Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, doutorando en Estudios Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985), profesor con destino definitivo no IES de Cacheiras (Teo), na actualidade traballando en Comisión de Servizos no SGEP en convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Naceu en Santiago de Compostela, na Rúa da Troia nº 15, está casado e ten unha filla.

É autor de numerosas Unidades Didácticas dirixidas ó profesorado (Declara-la paz, reclama-los nosos dereitos; Educar para a Paz, globalmente; Sobre a violencia nos medios de comunicación: unha educación necesaria; Educar nos afectos, frear a violencia...), de Libros (Cine para convivir; en colaboración en Acción titorial, transversalidade e resolución de conflitos; ou En son de Paz), de numerosos Artigos en revistas profesionais e en prensa, e director de Documentais como “En son de Paz”, “Cultura de Paz” (2005) e coguionista de “Por nada”, unha curta de ficción sobre a violencia xuvenil e o ciberacoso, obras premiadas en diversos festivais.

Membro do Comité Asesor Internacional do Chamamento pola Paz da Haia (Hague Appeal for Peace), da Asociación Internacional de Educación para a Paz (Teachers for Peace), da rede internacional Trascend, da Asociación AIPAZ, rede de centros de investigación para a paz do estado español, así como da Fundación Cultura de Paz que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

Manuel Dios Diz recibíu o Premio á promoción de condutas tolerantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola súa experiencia “Educar para a Paz, globalmente” (2002). Imparte numerosos cursos de formación do profesorado en servizo, en Galicia, no Estado e a nivel internacional.

En Galicia colabora habitualmente cos CEFORES (Centros de Formación e Recursos) e dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación sobre distintos aspectos como son: A educación para a Paz, recursos e dinámicas de aula; Cine para convivir, Cine e historia; Transversalidade, Educación afectivo-emocional, Educación para a convivencia, Plan Galego de Convivencia Escolar; Cultura de Paz, Conflitividade e convivencia escolar...

Entre os anos 70 e 90 tivo un papel moi destacado na constitución e desenvolvemento do sindicalismo nacionalista galego, na universidade, no ensino e no movemento obreiro, formando parte das executivas do ensino e confederais da CXTG, da Intersindical Galega e da CIG, ata o ano de 1994 en que decidiu dedicarse plenamente á súa profesión de educador.

Foi membro do Consello Escolar do Estado durante dúas lexislaturas e do Consello Escolar de Galicia en representación do profesorado galego.

Participou activamente no movemento sindical educativo a nivel internacional durante os anos ’80, representando ó sindicalismo galego na Federación Internacional de Sindicatos do Ensino (FISE), no Congreso Sindical Mundial da FSM en Berlín e na constitución oficial da Internacional da Educación (IE) en Estocolmo.

Máis recentemente, foi Vicepresidente da Conferencia Mundial para a Paz, a Solidariedade e o Desenvolvemento, que co auspicio da ONU e da UNESCO, patrocinou a Xunta de Galicia no ano 2005 e presidiu, no marco da citada Conferencia, o Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz que tivo lugar no mes de maio de 2005 en Compostela coa presenza de varios premios nobel da paz.

Na actualidade é tamén Director da Fundación Cultura de Paz en Galicia e membro do Consello Internacional do Foro Mundial de Educación (FME) que forma parte do Foro Social Mundial (FSM), así como do Foro Social Galego que agrupa a case que un cento de asociacións e movementos sociais de Galicia.

Manuel Dios Diz, recibíu o Premio “Hagamos las paces” concedido polo Instituto Internacional per la Pau da Generalitat de Cataluña polo seu Documental “En son de Paz” no marco do III Festival Internacional de Cine y Derechos Humanos (2005) e foi tamén finalista dos Premios Mestre Mateo ó mellor documental galego dese mesmo ano.

Representou á Fundación Cultura de Paz no Foro Mundial de Educación (FME) de Caracas 2006 e no Foro Social Mundial (FSM) dese mesmo ano na capital venezolana. Tamén na Cumbre pola Paz de Colombia en 2009.

Manuel Dios participou de maneira moi activa na redacción do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia, así como no deseño do Observatorio Galego da Convivencia Escolar de Galicia, aprobados pola Consellería de Educación, e firmante do Acordo Interinstitucional para o seu desenvolvemento en representación do Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz) que foi presentado oficialmente polo Presidente da Xunta, D. Emilio Pérez Touriño o 30 de Xaneiro de 2007, Día Escolar pola Paz.

Coordinou o Ciclo de Diálogos pola Paz durante o curso 2007/2008, celebrados en Compostela e A Coruña, entre Novembro e Xuño, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e a USC, sobre o proceso de paz no País Vasco, coa participación de destacadísimas personalidades de ámbito nacional e internacional. E no ano 2008, nos Diálogos Altermundialistas, entre os meses de Outubro e Maio, en Santiago e Vigo.

É coautor da ferramenta didáctica  da serie documental e para televisión titulada “Linatakalam” (Falemos) producida por IBISA TV.

Dirixíu a realización dun novo Documental titulado “Cultura de Paz” con Ficción Producciones en 2007.

Desde o pasado 30 de Xaneiro, é membro do Observatorio Galego da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio proposto pola Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

Na actualidade é Sº Coordinador do Comité Organizador do FORO 2010 que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

En 2009 foi nomeado Vicepresidente do Consello de Dirección da Fundación Cultura de Paz.

E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Engadir comentario


ESCOITA Agareso Radio

AGARESO Radio

Winamp  windows Media Player  Real Player  QuickTime


Axenda