"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
A Análise Reflexións. Manuel Dios Foro 2010: As miñas impresións
Luns, 20 Decembro 2010 08:38

Foro 2010: As miñas impresións Destaque

Escrito por Manuel Dios Diz
Valore este artigo
(0 votos)

A orixe última da celebración do FORO 2010 en Santiago de Compostela está no 25 Aniversario do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985-2010). Cando empezamos a pensar en como facer esta conmemoración optamos entre mirar para nós mesmos (un libro de homenaxe, un documental, un acto laudatorio con intelectuais, artistas, amigas e amigos), é dicir, unha autofelicitación, ou pensar en organizar algo cara a fora, por exemplo, un evento de relevo internacional coas entidades que traballan, como a nós, pola cultura da paz, e desde a perspectiva de iniciar un proceso que sacara a cada organización do seu ensimismamento natural e consorciar algo cooperativamente que fose significativo.

Non sen debate consideramos máis acertada a segunda alternativa. E a puxemos en relación estreita con outros dous proxectos relevantes, a aprobación dunha Lei de fomento da cultura da paz de Galicia (hoxe en trámite parlamentario) e a creación da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC que refrendou a Directora Xeral, Irina Bokova, coa súa presenza, o pasado día 9 de Decembro, mesmo antes de facer unha visita oficial a España.

A finais de 2007 puxémonos mans á obra para organizar o FORO 2010, con ocasión do Xacobeo e no remate do Decenio da Cultura da Paz e a Nonviolencia para tódolos nenos e nenas do mundo (2001-2010) de Nacións Unidas. Como membros do Consello Internacional do Foro Mundial de Educación (FME), adscrito ó Foro Social Mundial (FSM), nacido en Porto Alegre en 2001, propuxemos a organización dun Foro temático en Santiago de Compostela, sobre “Educación, Investigación e Cutura de Paz”, comprometendo na súa preparación á práctica totalidade dos centros e institutos de educación e de investigación para a paz do Estado e de Portugal, ás internacionais que traballan nesta mesma liña, fundacións, colexios profesionais, sindicatos, fundacións, ONGs... e cosntituímos o Comité Organizador, presidido por Federico Mayor Zaragoza, en Marzo de 2008. Desde o primeiro momento, máis de 70 entidades da sociedade civil se implicaron na iniciativa. Ademais creamos un Comité Local galego que se responsabilizou da loxística máis operativa. Contamos co apoio das institucións do Estado, da Xunta, do Concello e da USC, así como a colaboración dalgunha entidade privada.

Ó Foro Mundial de Educación fóronse sumando outra iniciativas no propio proceso preparatorio: unha reunión de alto nivel, tres congresos internacionais, exposicións, concertos, cinema... ata configurar o que finalmente foi o FORO 2010 Compostela, un evento de enorme envergadura temática, participación e diversidade, arredor da Cultura da Paz. Santiago de Compostela, e Galicia enteira, foron, sen dubidalo, unha referencia internacional, un lugar de encontro laico, cívico e democrático, de moitas persoas, máis de 1000 que, nos seus respectivos ámbitos de actuación, pulan por construír outro mundo posible, máis xusto e máis humano. O lema escollido fou unha vella máxima de Gandhi adaptada á nosa realidade¨”Non hai camiños para a paz, a paz é o Camiño”

E chegou o día 3 de Decembro. Inauguramos no Paraninfo de Historia, na Universidade, con Susana Seivane dando a benvida a tódolos presentes, e os discursos, do alcalde, do reitor, do conselleiro, de Federico Mayor Zaragoza.

Con neve e folga de controladores empezou a Reunión de Alto Nivel, con algunha ausencia relevante (Odón Elorza e Josep Mayoral, da Rede de Mayors for Peace, alcaldes de San Sebastián e Granollers respectivamente). Recordo con especial emoción o man a man sobre Xustiza Universal entre Federico Mayor e Baltasar Garzón no Araguaney, qué delicia, canta sabiduría acumulada, qué satisfacción.

E empezaron os Congresos Internacionais, o primeiro, o de Información e Dereitos Humanos, coa presenza, entre outras personalidades, dunha que brila con luz propia, Gertrude Mongella, africana, de Tanzania, a muller que dirixíu coa man tendida a Conferencia de Beijing, aquela que destacou o papel determinante da muller na construcción da paz, ex- presidenta do Parlamento Panafricano, e que na mellor tradición oral de África, regalounos contos e historias, da súa visión da paz, como unha auténtica mestra na súa aula, unha felicidade.

E tivemos a honra de recibir á nova Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova interesándose pola Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia no Parlamento, compartindo con nós, no Salón Nobre de Fonseca, a conferencia sobre O papel da UNESCO na construcción da paz, magnífica, refrendando diante do Reitor, a nova Cátedra da USC sobre Cultura de Paz e Dereitos Humanos, qué honor, qué alegría, cánto agradecemento. E acompañounos Mario Soares, e Gervasio Sánchez, e Cora e Peter Weiss, Ana Isabel Prera, Jean Ridoux e David Adams...

O día 10 de Decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, inauguramos o Foro Mundial de Educación. Mái de 1000 asistentes, 150 actividades autoxestionadas, 30 experiencias educativas, delegacións de máis de 40 países, proxeccións, obradoiros, mesas redondas, pluralidade e diversidade, paz a mans cheas, a internacional da bondade, como dicía José Saramago e repetíu a súa muller Pilar del Río. Con Manuela Mesa, Rafael Grasa, Carmen Magallón, Jesús María Alemany, Moacir Gadotti, Ramón Moncada, Gloria Ramírez, Amada Benavides, Alicia Cabezudo e tantas e tantas persoas que levan máis de vinte anos dedicadas en corpo e alma á causa da paz, en todo o mundo,a estrutura básica desa internacional da bondade... e Paquita Sauquillo, e Juan José Tamayo, e Anwarull Choudhury, artífice da declaración e o Plan de Acción de Cultura de Paz en Nacións Unidas, cánto talendo e concordia xuntas...

Aprobamos a Declaración de Santiago de Compostela sobre o Dereito Humano á Paz, para que a paz sexa un dereito xurídico recoñecido, porque logo de 62 anos da aprobación da Declaración Universal do ’48, aínda non forma parte da lexislación complementaria daquel texto fantástico, tan violentado.

E o Congreso Internacional sobre a Memoria,a Reconciliación e a Cultura da Paz, sobre a base do proxecto “Nomes e Voces” da USC, con Sánchez Albornoz, Julián Casanova e tantos historiadores de prestixio, reflexionando sobre as feridas aínda non cicatrizadas da Guerra incivil.

Con música, concertos, de Paco Damas, Uxía Senlle, as Escolas Municipais, a World Orquestra, menudo luxo, ou a Orquesta Árabe de Barcelona, Xoan Curiel, Emilio Rúa, cinema, ciclos de cine africano e árabe, relatos desde Iraq, exposicións, Gervasio Sánchez, Carlos Giménez, César Sanz, Revela, Castelao antibelicista, de Saladino a Seherezade..., nos diferentes espazos expositivos de Compostela, durante todo o mes.

Pudémolo facer coa axuda de 100 persoas voluntarias, mozos e mozas, que merecen o noso recoñecemento e aplauso.

Qué mellor regalo para un 25 Aniversario. Grazas, de todo corazón, un millón de grazas e de parabéns.

Algúns non se enteraron ou non quixeron enterarse. Quizáis si o promovera unha entidade bancaria... pois non, foron os movementos sociais, a internacional da bondade...

Manuel Dios Diz preside o Seminario Galego de Educación para a Paz. Foi o Sº Coordinador do Foro 2010 (www.foro2010.org)

Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, doutorando en Estudios Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985), profesor con destino definitivo no IES de Cacheiras (Teo), na actualidade traballando en Comisión de Servizos no SGEP en convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Naceu en Santiago de Compostela, na Rúa da Troia nº 15, está casado e ten unha filla.

É autor de numerosas Unidades Didácticas dirixidas ó profesorado (Declara-la paz, reclama-los nosos dereitos; Educar para a Paz, globalmente; Sobre a violencia nos medios de comunicación: unha educación necesaria; Educar nos afectos, frear a violencia...), de Libros (Cine para convivir; en colaboración en Acción titorial, transversalidade e resolución de conflitos; ou En son de Paz), de numerosos Artigos en revistas profesionais e en prensa, e director de Documentais como “En son de Paz”, “Cultura de Paz” (2005) e coguionista de “Por nada”, unha curta de ficción sobre a violencia xuvenil e o ciberacoso, obras premiadas en diversos festivais.

Membro do Comité Asesor Internacional do Chamamento pola Paz da Haia (Hague Appeal for Peace), da Asociación Internacional de Educación para a Paz (Teachers for Peace), da rede internacional Trascend, da Asociación AIPAZ, rede de centros de investigación para a paz do estado español, así como da Fundación Cultura de Paz que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

Manuel Dios Diz recibíu o Premio á promoción de condutas tolerantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola súa experiencia “Educar para a Paz, globalmente” (2002). Imparte numerosos cursos de formación do profesorado en servizo, en Galicia, no Estado e a nivel internacional.

En Galicia colabora habitualmente cos CEFORES (Centros de Formación e Recursos) e dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación sobre distintos aspectos como son: A educación para a Paz, recursos e dinámicas de aula; Cine para convivir, Cine e historia; Transversalidade, Educación afectivo-emocional, Educación para a convivencia, Plan Galego de Convivencia Escolar; Cultura de Paz, Conflitividade e convivencia escolar...

Entre os anos 70 e 90 tivo un papel moi destacado na constitución e desenvolvemento do sindicalismo nacionalista galego, na universidade, no ensino e no movemento obreiro, formando parte das executivas do ensino e confederais da CXTG, da Intersindical Galega e da CIG, ata o ano de 1994 en que decidiu dedicarse plenamente á súa profesión de educador.

Foi membro do Consello Escolar do Estado durante dúas lexislaturas e do Consello Escolar de Galicia en representación do profesorado galego.

Participou activamente no movemento sindical educativo a nivel internacional durante os anos ’80, representando ó sindicalismo galego na Federación Internacional de Sindicatos do Ensino (FISE), no Congreso Sindical Mundial da FSM en Berlín e na constitución oficial da Internacional da Educación (IE) en Estocolmo.

Máis recentemente, foi Vicepresidente da Conferencia Mundial para a Paz, a Solidariedade e o Desenvolvemento, que co auspicio da ONU e da UNESCO, patrocinou a Xunta de Galicia no ano 2005 e presidiu, no marco da citada Conferencia, o Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz que tivo lugar no mes de maio de 2005 en Compostela coa presenza de varios premios nobel da paz.

Na actualidade é tamén Director da Fundación Cultura de Paz en Galicia e membro do Consello Internacional do Foro Mundial de Educación (FME) que forma parte do Foro Social Mundial (FSM), así como do Foro Social Galego que agrupa a case que un cento de asociacións e movementos sociais de Galicia.

Manuel Dios Diz, recibíu o Premio “Hagamos las paces” concedido polo Instituto Internacional per la Pau da Generalitat de Cataluña polo seu Documental “En son de Paz” no marco do III Festival Internacional de Cine y Derechos Humanos (2005) e foi tamén finalista dos Premios Mestre Mateo ó mellor documental galego dese mesmo ano.

Representou á Fundación Cultura de Paz no Foro Mundial de Educación (FME) de Caracas 2006 e no Foro Social Mundial (FSM) dese mesmo ano na capital venezolana. Tamén na Cumbre pola Paz de Colombia en 2009.

Manuel Dios participou de maneira moi activa na redacción do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia, así como no deseño do Observatorio Galego da Convivencia Escolar de Galicia, aprobados pola Consellería de Educación, e firmante do Acordo Interinstitucional para o seu desenvolvemento en representación do Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz) que foi presentado oficialmente polo Presidente da Xunta, D. Emilio Pérez Touriño o 30 de Xaneiro de 2007, Día Escolar pola Paz.

Coordinou o Ciclo de Diálogos pola Paz durante o curso 2007/2008, celebrados en Compostela e A Coruña, entre Novembro e Xuño, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e a USC, sobre o proceso de paz no País Vasco, coa participación de destacadísimas personalidades de ámbito nacional e internacional. E no ano 2008, nos Diálogos Altermundialistas, entre os meses de Outubro e Maio, en Santiago e Vigo.

É coautor da ferramenta didáctica  da serie documental e para televisión titulada “Linatakalam” (Falemos) producida por IBISA TV.

Dirixíu a realización dun novo Documental titulado “Cultura de Paz” con Ficción Producciones en 2007.

Desde o pasado 30 de Xaneiro, é membro do Observatorio Galego da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio proposto pola Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

Na actualidade é Sº Coordinador do Comité Organizador do FORO 2010 que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

En 2009 foi nomeado Vicepresidente do Consello de Dirección da Fundación Cultura de Paz.

E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Engadir comentario


ESCOITA Agareso Radio

AGARESO Radio

Winamp  windows Media Player  Real Player  QuickTime


Axenda