"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
A Análise Reflexións. Manuel Dios Educar en ser persoa
Luns, 18 Outubro 2010 19:50

Educar en ser persoa

Escrito por Manuel Dios Diz
Valore este artigo
(2 votos)

Manuel Dios Diz

Jonan Fernández, director de Baketik (Centro pola Paz de Arántzazu) en Euskadi, portavoz durante varios anos de Lokarri, rede cidadá polo acordo, a consulta e a reconciliación, organización pacifista de Euskal Erría, vén de publicar un precioso libro, ó meu parecer, moi útil, tanto desde o punto de vista persoal como para aquelas persoas que educan, todas dunha maneira ou doutra, nalgún momento da nosa vida.

Trátase dunha proposta moi orixinal realizada desde a súa propia experiencia vital, resultado dunha análise consigo mesmo, de facer contas e de contar. E o fai non desde a pedagoxía ou desde a docencia pois ese non é, precisamente, o seu medio natural. Sen embargo, a súa reflexión, resulta especialmente educativa e tamén didáctica.

Persegue Jonan matizar, completar e compartir, ideas que xa estaban en “Ser humano en los conflictos” (2006) e, sobre todo, en “Vivir y convivir. Cuatro aprendizajes básicos” (2008). Agora, en “Educar en ser persona”, quente aínda do prelo, considera non só catro aprendizaxes básicos senón que engade outros tres de carácter instrumental e un máis que cualifica de “fundamental”. En realidade, Jonan Fernández, como afirma Federico Mayor Zaragoza no prólogo, tenta responder a preguntas como: ¿Que temos que saber para educar en ser persoa? Ou si se quere: ¿Que temos que estudiar para educar para a paz, a convivencia, os dereitos humanos, ou a xustiza? ¿Onde aprender eses contidos e valores?, ¿Quen os imparte?, ou ¿Como nos educamos cada un de nós para ser realmente persoas?

Jonan Fernández considera que para aprender, na súa dobre acepción en galego, ensinar e aprender, a ser persoas necesitamos catro aprendizaxes básicos previos. O primeiro sería, para el, a aprendizaxe da limitación da condición humana. O segundo, aprender o sentido do agradecemento. O terceiro, a aprendizaxe da escoita da propia conciencia e, por último, a aprendizaxe do significado da dignidade humana. Como podemos comprobar, estamos a falar de aprendizaxes nada fáciles e moi escasos no supermercado docente.

A estes catro aprendizaxes básicos engade, Jonan Fernández, outros tres máis que el denomina “instrumentais”. Serían o máis do diálogo, o máis da empatía e o máis da paciencia, ferramentas imprescindibles para vivir e convivir.

Por último, incorpora unha aprendizaxe fundamental, que integra e engloba todo o anterior, refírese a aprendizaxe do amor.

E o fai non desde unha perspectiva exclusivamente cognitiva, baseada nos coñecementos racionais senón, sobre todo, desde a experiencia e desde os afectos e os sentimentos, como non podía ser doutro xeito. Non se limita a explicar con detalle o significado de cada aprendizaxe senón que escava nas súas implicacións e na súa vivencia. Remata cada unha das aprendizaxes con exercicios prácticos, persoais e de aula.

Penso sinceramente que estamos diante dunha das propostas máis relevantes dos últimos anos no ámbito da Educación para a Paz. E non resulta anecdótico ou circunstancial que proveña de Euskadi, quizais precisamente por iso ten un valor engadido. A experiencia do Centro pola Paz de Arántzazu, dende o ano 2006, un espacio privilexiado de reflexión e de acción, polo que teñen pasado máis de 6.000 persoas para realizar cursos de formación, está moi presente no libro.

Na utilización dunha gramática insubordinada, Jonan Fernández, inventa un palabro, especialmente suxerinte, “Experiendizaxe”, en realidade, trátase dunha pedagoxía para mellorar a vida, a persoal, a convivencia e a educación, facendo aprendizaxe da conciencia da nosa propia experiencia. A pedagoxía da “experiendizaxe” sintetiza un traballo de catro anos en Baketik, e describe a súa filosofía de fondo: desenvolver, profundizar e promover activamente este concepto que vai a actuar como clave de bóveda que vertebra as súas actividades e proxectos.

Reflexión e vivencia, vivencia e reflexión, unha pedagoxía ética para vivir, convivir e educar mellor.

Parabéns, Jonan.

 

Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC e preside o Seminario Galego de Educación para a Paz.






Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz

Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, doutorando en Estudios Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985), profesor con destino definitivo no IES de Cacheiras (Teo), na actualidade traballando en Comisión de Servizos no SGEP en convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Naceu en Santiago de Compostela, na Rúa da Troia nº 15, está casado e ten unha filla.

É autor de numerosas Unidades Didácticas dirixidas ó profesorado (Declara-la paz, reclama-los nosos dereitos; Educar para a Paz, globalmente; Sobre a violencia nos medios de comunicación: unha educación necesaria; Educar nos afectos, frear a violencia...), de Libros (Cine para convivir; en colaboración en Acción titorial, transversalidade e resolución de conflitos; ou En son de Paz), de numerosos Artigos en revistas profesionais e en prensa, e director de Documentais como “En son de Paz”, “Cultura de Paz” (2005) e coguionista de “Por nada”, unha curta de ficción sobre a violencia xuvenil e o ciberacoso, obras premiadas en diversos festivais.

Membro do Comité Asesor Internacional do Chamamento pola Paz da Haia (Hague Appeal for Peace), da Asociación Internacional de Educación para a Paz (Teachers for Peace), da rede internacional Trascend, da Asociación AIPAZ, rede de centros de investigación para a paz do estado español, así como da Fundación Cultura de Paz que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

Manuel Dios Diz recibíu o Premio á promoción de condutas tolerantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola súa experiencia “Educar para a Paz, globalmente” (2002). Imparte numerosos cursos de formación do profesorado en servizo, en Galicia, no Estado e a nivel internacional.

En Galicia colabora habitualmente cos CEFORES (Centros de Formación e Recursos) e dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación sobre distintos aspectos como son: A educación para a Paz, recursos e dinámicas de aula; Cine para convivir, Cine e historia; Transversalidade, Educación afectivo-emocional, Educación para a convivencia, Plan Galego de Convivencia Escolar; Cultura de Paz, Conflitividade e convivencia escolar...

Entre os anos 70 e 90 tivo un papel moi destacado na constitución e desenvolvemento do sindicalismo nacionalista galego, na universidade, no ensino e no movemento obreiro, formando parte das executivas do ensino e confederais da CXTG, da Intersindical Galega e da CIG, ata o ano de 1994 en que decidiu dedicarse plenamente á súa profesión de educador.

Foi membro do Consello Escolar do Estado durante dúas lexislaturas e do Consello Escolar de Galicia en representación do profesorado galego.

Participou activamente no movemento sindical educativo a nivel internacional durante os anos ’80, representando ó sindicalismo galego na Federación Internacional de Sindicatos do Ensino (FISE), no Congreso Sindical Mundial da FSM en Berlín e na constitución oficial da Internacional da Educación (IE) en Estocolmo.

Máis recentemente, foi Vicepresidente da Conferencia Mundial para a Paz, a Solidariedade e o Desenvolvemento, que co auspicio da ONU e da UNESCO, patrocinou a Xunta de Galicia no ano 2005 e presidiu, no marco da citada Conferencia, o Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz que tivo lugar no mes de maio de 2005 en Compostela coa presenza de varios premios nobel da paz.

Na actualidade é tamén Director da Fundación Cultura de Paz en Galicia e membro do Consello Internacional do Foro Mundial de Educación (FME) que forma parte do Foro Social Mundial (FSM), así como do Foro Social Galego que agrupa a case que un cento de asociacións e movementos sociais de Galicia.

Manuel Dios Diz, recibíu o Premio “Hagamos las paces” concedido polo Instituto Internacional per la Pau da Generalitat de Cataluña polo seu Documental “En son de Paz” no marco do III Festival Internacional de Cine y Derechos Humanos (2005) e foi tamén finalista dos Premios Mestre Mateo ó mellor documental galego dese mesmo ano.

Representou á Fundación Cultura de Paz no Foro Mundial de Educación (FME) de Caracas 2006 e no Foro Social Mundial (FSM) dese mesmo ano na capital venezolana. Tamén na Cumbre pola Paz de Colombia en 2009.

Manuel Dios participou de maneira moi activa na redacción do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia, así como no deseño do Observatorio Galego da Convivencia Escolar de Galicia, aprobados pola Consellería de Educación, e firmante do Acordo Interinstitucional para o seu desenvolvemento en representación do Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz) que foi presentado oficialmente polo Presidente da Xunta, D. Emilio Pérez Touriño o 30 de Xaneiro de 2007, Día Escolar pola Paz.

Coordinou o Ciclo de Diálogos pola Paz durante o curso 2007/2008, celebrados en Compostela e A Coruña, entre Novembro e Xuño, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e a USC, sobre o proceso de paz no País Vasco, coa participación de destacadísimas personalidades de ámbito nacional e internacional. E no ano 2008, nos Diálogos Altermundialistas, entre os meses de Outubro e Maio, en Santiago e Vigo.

É coautor da ferramenta didáctica  da serie documental e para televisión titulada “Linatakalam” (Falemos) producida por IBISA TV.

Dirixíu a realización dun novo Documental titulado “Cultura de Paz” con Ficción Producciones en 2007.

Desde o pasado 30 de Xaneiro, é membro do Observatorio Galego da Convivencia Escolar no cupo de personalidades de recoñecido prestixio proposto pola Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

Na actualidade é Sº Coordinador do Comité Organizador do FORO 2010 que preside D. Federico Mayor Zaragoza.

En 2009 foi nomeado Vicepresidente do Consello de Dirección da Fundación Cultura de Paz.

E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

1 Comentario

  • Comentar Link Manuel Dios Diz Mércores, 20 Outubro 2010 05:33 enviado por Manuel Dios Diz

    Moitas grazas.
    Agradecería moito que pudéramos vernos para que informárades do FORO 2010: www.foro2010.org
    Apertas

    Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Engadir comentario


ESCOITA Agareso Radio

AGARESO Radio

Winamp  windows Media Player  Real Player  QuickTime


Axenda