"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
A Análise As Partículas Elementais Os nove que derrubaron o muro de Rafah
Xoves, 12 Novembro 2009 16:17

Os nove que derrubaron o muro de Rafah

Escrito por Alberto Quian
Valore este artigo
(2 votos)

Cativos de Gaza coas súas naisMohammed Y.K., Mustafa N.H., Sami O.H., Mohammed M.M., Ahmed M.I., Abdalrahman Y.M., Mahmoud J.S., Rahaf S.M. e Hasan A.M. xa están en España para ser tratados en varios hospitais valencianos. Son cativos de entre 3 e 13 anos que viven na esmagada Franxa de Gaza.

Sofren diversas enfermidades e lesións oftalmolóxicas, cardiolóxicas, traumatolóxicas e urolóxicas, imposibles de tratar en Gaza por mor do embargo israelí, que está causando unha grave crise sanitaria nos terreos palestinos, onde hai grandes carestías e desabastecimento nos hospitais.

O pai Ángel, presidente de Mensajeros de la Paz, propúxose fai tempo traer a España a estes e outros cativos de Gaza para que reciban aquí a asistencia sanitaria da que lles priva a guerra, a opresión e o embargo. Contábamo o mesmo pai Ángel na sala Autoxiro do aeroporto de Barajas (Madrid): "Foi como un parto". E é que tiveron que pasar nada menos que nove meses para que a ditosa política cedese ante a urxencia humana. Durante todo este tempo mantivéronse negociacións a catro bandas entre Israel, Palestina, Exipto e España para que estes nenos puidesen saír de Gaza para ser tratados aquí. A burocracia e a diplomacia tardaron nove meses en resolvelo, demasiado tempo cando falamos de vidas, pero a satisfacción é case plena entre os palestinos e os membros de Mensajeros de la Paz. Digo case porque alá, na zona esmagada polo terror israelí e o fundamentalismo islámico quedaron outros 11 cativos que o pai Ángel quixo traer a España. Pero, de novo, a política puxo as súas trabas. Así que mentres aqueles agardan a que a razón se impoña, ollamos a estes nove pequenos —oito nenos e unha nena que irradiaban felicidade por pisar a terra que lles prometeron fai nove meses.

Os nenos saíron o pasado martes día 11 de novembro por Rafah, cidade fronteiriza con Exipto; canda as súas nais e dous coordinadores (Saad T.A. e Ahmed F.A.), trasladáronse por estrada ata a cidade exipcia de Arish, desde onde voaron ata O Cairo; na capital de Exipto tomaron outro avión ata Ammán (Xordania); un terceiro avión levoulles ata Barcelona e, finalmente, o mércores 12 de novembro aterraron no aeroporto de Barajas (Madrid). Pero esta tortuosa viaxe non rematou aí, xa que o seu destino final son varios hospitais da Comunidade Valenciana.

A victoria, como digo, é parcial. Gañouse unha batalla contra a sinrazón da guerra e a opresión, pero esta loita solidaria non rematou. De feito, a idea primixenia era que a ONG Alas Solidarias erguese un avión para traer aos 20 nenos palestinos e levar material de axuda humanitaria á impermeable fronteira de Rafah. Os membros de Mensajeros de la Paz que traballan en Gaza, en colaboración co consulado de España en Xerusalén e a embaixada en Exipto, a embaixada exipcia en España e o Ministerio español de Asuntos Exteriores e de Cooperación, intentaron durante meses procurar un acordo para abrir esa fronteira á axuda humanitaria española. E foi imposible. O certo é que, como me indicaba en Barajas o pai Ángel, "puxéronse moitos impedimentos parvos, moitas escusas" para que esta operación humanitaria tivese éxito. Sen dúbida, niso tivo moito que ver o Goberno israelí, incapaz de achegar un gramo de solidariedade, de prestar os seus aeroportos e medios, e de abrir a fronteira para axudar a uns nenos inocentes das barbaries que uns e outros están cometendo en Oriente Próximo. Aquela podería ser unha solución, pero o Goberno, á marxe dos seus posicionamentos bélicos, non parece que sexa capaz de liberarse da presión da opinión pública máis ortodoxa do seu país, que vería con moi malos ollos unha operación humanitaria a través das fronteiras xudías. Habería que preguntarse tamén que vontade puxo Hamás
amos e señores de Gaza e da fronteira para abrir a franxa e por que non se quixo que a expedición de Alas Solidarias, na que iamos ir dous reporteiros de AGARESOse achegase a esa zona.

En todo caso, nove nenos lograron abrir o infranqueable muro da Franxa de Gaza. Agora, serán atendidos en España grazas ao programa de tratamento médico para nenos procedentes de zonas en conflito que, baixo o nome de "Casa de la Paz ", desenvolve Mensajeros de la Paz desde fai cinco anos.

Vinte anos e tres días despois da caída do Muro de Berlín, Mohammed Y.K., Mustafa N.H., Sami O.H., Mohammed M.M., Ahmed M.I., Abdalrahman Y.M., Mahmoud J.S., Rahaf S.M. e Hasan A.M. derrubaron outro muro da vergonza.

E se empezaba este artigo cos nomes destes pequenos heroes, quero acabalo nomeando ás nove nais coraxe, as mulleres que non quixeron afastarse dos seus fillos neste curto pero intenso tránsito pola liberdade (os apelidos dos nenos e das nais non aparecen pola súa seguridade): Amina M.A., Sabreen H.A., Eitemad S.H., Rasmia R.K., Haman M.A., Fatma A.A., Sobheya M.M., Rajaa S.S. e Alameya.

Once cativos e as súas nais agardan en Gaza ter a mesma sorte.

Información adicional

  • Subtítulo:
Alberto Quian

Alberto Quian

Nacín en Vigo o 7 de agosto de 1976. No ano 2000 comecei a miña carreira como xornalista, sempre ligado aos medios impresos, ata que no 2008 din un xiro co Máster en Xornalismo Dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Dende entón desenvolvo o meu traballo no eido dixital. Son redactor, columnista, community manager, delegado en Madrid e responsábel da Área Dixital e Xestión de Contidos de AGARESO, labor que compaxino coa miña actividade en internet a través do meu blog e redes sociais, e con traballos para distintas empresas públicas e privadas no eido dixital e en medios tradicionais. Tras incorporar no ano 2009 a AGARESO ao mundo 2.0 das redes sociais, en 2010 completei a renovación dixital da ONGD dirixindo a creación e o lanzamento desta web na que me aloxo, que estreamos o 30 de setembro dese mesmo ano. Coido que son un xornalista analóxico que dixitaliza información, un xornalista dixital cunha vida analóxica e membro dunha especie analóxica en vías de extinción dixital. Ou talvez todo o contrario.

Páxina web www.mcshuibhne.com E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Máis nesta categoría: 600 millóns por 600 millóns »

Engadir comentario


ESCOITA Agareso Radio

AGARESO Radio

Winamp  windows Media Player  Real Player  QuickTime


Axenda

Buscar

Calendario

« Maio 2012 »
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31