Sofía Caamaño é xornalista e voluntaria da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO). Agora mesmo traballa como voluntaria na organización No Name Kitchen en Sid, na fronteira serbo croata. Dende alá, fálanos da violencia acometida contra o voluntariado desta organización, asegurando que se trata dunha estratexia policial e política para frear a inmigración e a loita activista en favor das persoas refuxiadas. Velaquí vos deixamos a súa crónica.

En Sid, unha pequena vila serbia fronteiriza con Croacia atópanse estancadas aproximadamente un centenar de persoas que esperan a súa oportunidade para entrar na Unión Europea. As persoas refuxiadas viven nunha antiga fábrica abandoada que onte foi desaloxada de forma violenta pola policía serbia co obxetivo de mandar, sen o seu consentimento, a todas estas persoas a campos oficiais.

Ademais dos migrantes, onte tamén detiveron as voluntarias da ONG No Name Kitchen que levan dende maio proporcionando auga, comida e electricidade a todas as persoas migrantes que chegan a Sid coa esperanza de poder chegar a Europa. A policía serbia retivo durante horas a todos os migrantes nun espacio moi reducido e moitos teñen secuelas físicas da violencia policial que foi acometida contra eles durante o desaloxo. Ademais, as forzas de seguridade serbias tamén agrediron físicamente as voluntarias de No Name Kitchen, que tamén tiveron que soportar comentarios machistas e tocamentos.

Este non é un caso illado. A policía serbia veu incrementando durante os últimos meses a violencia contra os migrantes na fronteira e no lugar onde viven. Estas ansias de frear a inmigración cara Europa derivaron en constantes impedimentos cara as ONG que intentan axudar as persoas refuxiadas. Agora mesmo a situación é moi complicada. As persoas refuxiadas están intentando sobrevivir na xungla e, mentras tanto, as voluntarias están pensando como solucionar esta situación na que os dereitos humanos das persoas migrantes están sendo constantemente violados.