Un equipo de AGARESO composto por Lorena Seijo e Xes Chapela acompañan a visita institucional que percorre Guatemala esta semana, co obxectivo de visitar os proxectos de habitabilidade, saneamento, saúde, educación, prevención de riscos e desenvolvemento comunitario que a Xunta de Galicia financia neste país, a través dos fondos de cooperación ao desenvolvemento.

O percorrido comezou onte luns na capital, Ciudad de Guatemala, onde a delegación da Xunta se reuniu co coordinador Xeral da Oficina Técnica de a Cooperación Española, Miguel González Gullón, e co seu equipo para coñecer as liñas de traballo da cooperación española no país. España é o segundo donante en volume de Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Tamén se entrevistaron co embaixador de España en Guatemala, Alfonso Portabales Vázquez. Despois, a delegación galega dirixiuse ao departamento de Retalhuleu onde está instalada a ONGD Arquitectura Sen Fronteiras (ASF) e onde se desenvolven os proxectos de habitabilidade e de fortalecemento documentados por AGARESO en audiovisuais como Derecho a un techito.

Xa sobre o terreo, o martes 7 coñecerán ás mulleres beneficiarias dos proxecto de habitabilidade de ASF no que se dotou de vivendas dignas a mulleres viúvas e nais solteiras das comunidades máis vulnerables deste departamento costeiro, todas elas de orixe indíxena que tiveron que desprazarse das zonas máis montañosas á costa polo conflito armado que viviu o país ata 1996 e comezar o seu proxecto vital desde cero.

Tras coñecer este iniciativa, que leva sendo apoiada pola Cooperación Galega desde o 2014 ata a actualidade (548.700€), achegaranse ao proxecto de mellora da calidade educativa con perspectiva cultural e de xénero que realizan en 8 comunidades do municipio de Champerico as ONGD PROYDE (Promoción y Desarrollo) agrupada con ASF, e que leva recibindo fondos da Xunta desde o 2015 ata a actualidade (549.390€). Acompañará á visita unha comisión formada polo alcalde de Champerico, un representante do Ministerio de Educación e unha representación do Consejo Comunitario de Autoridades.

O mércores 8 trasladaranse de Retalhuleu a San Martín Sacatepéquez, departamento de Quetzaltenango, para ver o proxecto de Redución da desnutrición en menores de cinco anos e mulleres embarazadas que leva a cabo Farmamundi. Xunto a representantes desta ONGD estará a Asociación de Servicios Comunitarios de Salud. Visitarán o posto de saúde remodelado co proxecto e ás persoas que traballan nel todos os días atendendo aos habitantes destas comunidades e comprobarán en primeira persoa como diminuíu a vulnerabilidade destas comunidades gracias a ter acceso a saúde. Farmamundi leva traballando en Guatemala desde o 2012 e ten recibido financiamento público todos os anos ata a actualidade, sumando un monto total de 814.714€.

Guatemala é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega polo seu vínculo histórico e pola tradicional presenza e traballo desenvolvido por numerosos axentes galegos de cooperación neste país. O seu carácter prioritario aparece recollido nos tres Plan Director que rexen a política pública de cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia desde o 2006 ata este momento, o que explica que o volume de axuda canalizada ao país durante a última década alcance os 9.802.274,47 euros. A maioría das axudas teñen sido canalizadas de forma directa a través de convenios 5.436.424,00 €, lo que representa un 55,46% e 4.365.850,47 € a través de convocatorias abertas.

A distribución sectorial da axuda é diversa, aínda que destaca o sector de desenvolvemento económico e produtivo, en concreto o sector de pesca artesanal (25,62%), sinal de identidade da nosa cooperación. Destaca tamén o apoio ao sector de necesidades básicas, en particular ao acceso a saúde cun 22,37€, á habitabilidade básica cun 16,75%, mellora da calidade 15,50% ou auga e saneamento, cun 7,85%.