En Agareso cumprimos 10 anos de vida e ocorréusenos pedirlle á xente coa que compartimos loitas e labores que se gravara co móbil contestando a 4 preguntas:
1. Define á xente de Agareso con tres adxetivos
2. Nomea unha virtude e un defecto
3. Cóntanos que che achegaron nos teus proxectos
4. Dinos se cambiaron moito nestes 10 anos

Coas súas respostas montamos este pequeno vídeo que nos quedará de recordo para sempre. Nós tamén vos queremos!

Como o aniversario tamén puxo algo nostálxicxs, decidimos rememorar momentos “clave” desta
organización. Aquí vai o flashback.

Momentazo 1. Eses visionarios e daquela, permítannos dicir, que inxenuos xornalistas pontevedres que colleron a mochila para ir a Marrocos da man da ONGD Amarante. Alí, no 2007, xurdiría a idea de fundar unha ONG especializada en comunicación e un ano despois, no 2008, 12 xornalistas asinarían a acta de creación na cidade de Pontevedra. Comezaba a aventura: Juan De Sola Vollbrecht e Roi Palmás.

Momentazo 2. De Marrocos pasamos ao Sáhara de man de Solidaridad con el Pueblo Saharahui para dar a coñecer a realidade dos campamentos e apoiar a visibilización do proxecto Vacacións en Paz do que participaban moitas familias galegas. Xa non lembrábades o blogspot? Pois si, no 2008 estaba moi de moda.

Momentazo 3. No 2009 foi a nosa primeira vez en Centroamérica da man de Amigos da Terra​ para visibilizar a loita pola sostenibilidade ambiental e a pesca artesanal no Golfo de Fonseca. Desta viaxe sairían un montón de boas historias e unha exposición fotográfica que percorrería boa parte de Galicia. Este momentazo levaríanos a escoller Centroamérica como a rexión onde enfocar todas as nosas enerxías.

Momento 4. No 2010 tiñamos a oportunidade de facer o noso primeiro documental con enfoque social da man de Asemblea de Cooperación pola Paz e achegar o traballo da sociedade civil no conflito entre Israel e Palestina. Foi un grande esforzo colectivo e aprendimos moito do complexo que é traballar a comunicación en países en conflito.

Momentazo 5. O proxecto de Comunicación para o Cambio Social que impulsamos no cárcere de A Lama da man de persoas voluntarias da organización que impartían formación en radio e prensa, e tempo despois, tamén de fotografía. Este proxecto axudounos a entender como funcionaban as radios autoxestionadas e descubrir a capacidade terapéutica da radio. Das e dos internos de A Lama aprendimos o importante que é para unha persoa excluida poder ter voz propia e ser escoitad@.

Momentazo 6. No ano 2011 participamos no noso primeiro proxecto de EpD da man de Asemblea de Cooperación pola Paz, que se convertirían nos nosos socios para sempre. Comezamos con obradoiros de radio, pero ano tras ano fomos incorporando novas propostas: obradoiros audiovisuais, comunicación de guerrilla, stop motion ou youtubers este último ano. Este proxecto permitiríanos tamén achegaros o alumnado universitario de xornalismo e facer canteira para o noso voluntariado.

Momentazo 7. Agareso aterra en El Salvador para participar no seu primeiro proxecto de cooperación dando formación en radio a escolares del Bajo Lempa e sensibilizando sobre medio ambiente. Era 2011 e da man de Fundacion Cordes e de novo de Asemblea de Cooperación pola Paz. Desde ese momento, todos os anos sin excepción diferentes persoas voluntarias de Agareso acudirán ao Salvador para seguir afondando no poder transformador da radio.

O Momentazo 8 ten moito que ver co noso espírito de traballo en rede e foi vital para conseguir fortalecernos como organización e para mellorar os nosos coñecementos sobre Cooperación Internacional gracias á achega do resto de ONGD. No 2011 Agareso entra a formar parte da Coordinadora Galega de Ongd e no 2014 intégrase na Xunta Directiva da plataforma ata a actualidade.

Momentazo 9. Convención Anual de Agareso no centro penitenciario de A Lama. Foi o primeiro acto público e masivo organizado por Agareso, que non só nos aportou visibilidade a nivel estatal senón que serviu para sensibilizar sobre o traballo con colectivos excluídos.

Momentazo 10. O 2011 sería un ano que marcaría un antes e un despois nos movementos sociais e na política. Agareso tamén viviu con estusiasmo este gran despertar, mobilizou ao seu voluntariado para facer coberturas especiais e como non…tamén fixemos un vídeo.

Momentazo 11. O 2012, cumpridos os 4 anos, foi un momento clave para redefinir o noso rumbo, plantexarnos novos retos e comezar a facer os nosos propios proxectos de Comunicación para o Cambio Social dentro das nosas fronterias e fóra delas. O primeiro deles foi no 2013 en El Salvador da man da emisora comunitaria Radio Tehuacán. E esta decisión cambiaría as nosas prioridades, faríanos crecer e por no lugar que merece a comunicación como xeradora de desenvolvemento. Desde o 2013 o noso apoio as emisoras comunitarias centroamericas sería constante.

Momentazo 12. O 2013 daríanos a oportunidade de crear un proxecto desde cero xunto a outras ONGD expertas en EpD chamado o O mundo que queremos e expandir os nosos obradoiros de Educomunicación e a nosa maneira de entender a incidencia a institutos de toda Galicia. Ademais, aprenderíamos moitísimo de como traballar en equipo da man de Solidariedade Internacional de Galicia, Educo, Tempo De Loaira, 100Tolas, Mundo Cooperante. O proxecto consolidouse, mudou, creceu… e nós con el ata o día de hoxe.

Momentazo 13. Pero chegou o 2015 e fixémonos maiores, así que presentamos o noso primeiro proxecto de EpD en solitario e 100% educomunicativo. Para a nosa sorpresa, o EpDLab foi aprobado pola convocatoria aberta da Xunta de Galicia. Invadiunos o entusiasmo e envalentonounos para ser máis arriscad@s nas nosas propostas. O proxecto xa vai polo seu 3 ano de vida!

Momentazo 14. Como xa vos dixemos no 2015 viñémonos arriba e apostamos por traballar cunha das emisoras comunitarias con máis historia de América Latina RTV Izcanal e realizar o primeiro encontro centroamericano de radios comunitarias xunto a Fundación Comunicándonos. E xuntos seguimos apostando pola Comunicación polo Cambio Social ata o día de hoxe.

O momentazo 15 foi o noso particular intento de unir mundos que aparentemente están separados pero que teñen un potencial enorme de traballar xuntos: #Comunición, #Cultura, #MovementoSociais e #Cooperación. No 2016 organizamos en Pontevedra as primeiras xornadas sobre Desigualdade Global, un proxecto ambicioso de reflexión, análise, visibilización e integración que só tivo unha edición, pero que esperamos poder recuperar no futuro, xa que tan desencamiñad@s non estaríamos cando a nivel estatal estase cociñando o QuorumGlobal.

Momentazo 16. Volvemos ás orixes e rotomamos a nosa aposta polos documentais sociais da man de Arquitectura Sen Fronteiras Galicia e a loita por unha vivenda digna en Guatemala. Así naceu Derecho a un Techito, documental que percorreu Galicia e diferentes partes do mundo gracias aos festivais que promoven os dereitos humanos. #10Aniversario #Décadadehistorias

Momentazo 17. No 2017 tivemos a sorte de comezar a traballar en República Dominicana canda o Instituto De Accion Comunitaria, incorporando nos proxectos de habitabilidade de Asemblea de Cooperación pola Paz o compoñente de comunicación transformadora. Traballamos principalmente con rapazas e rapaces dos bateyes e quedamos fascinad@s co seu potencial. Este ano por alí seguiremos, intentado estar ao nivel do seu entusiasmo.

Momentazo 18, adicado ao #vídeoparticipativo e á acción social. Xa tiñamos experiencias previas como o traballo feito con mozas e mozos migrantes en #BarriosAbertos no 2014, pero a Fundación Secretariado Gitano deunos a oportunidade neste 2017 de afondar na experiencia, traballar cun grupo de mulleres marabilloso e de facer unha campaña de comunicación potente en Compostela deseñada polas súas propias protagonistas. Esperamos poder seguir aunando loitas coas organizacións da EAPN-Galicia nos vindeiros anos.