El derecho a un techito” é un documental rodado en Guatemala sobre o dereito a unha vivenda digna en colaboración con Arquitectura Sen Fronteiras e que mostra o traballo que esta ONG desenvolveu en Guatemala nos últimos oito anos sobre o dereito a unha vivenda digna.

derecho-a-un-techitoNa ONGD galega Arquitectura Sen Fronteiras (ASF) levan máis de dezaoito anos traballando en Guatemala para mellorar o acceso a unha vivenda digna, adecuada e saudable para as persoas máis empobrecidas. Guatemala ostenta a dubidosa honra de ser un dos países máis desiguais do mundo, cunha taxa de persoas sufrindo pobreza do 53.7%, (INE, 2013).  Non é de estrañar por tanto que case a metade da poboación do país viva en infravivendas de autoconstrucción que non cumpren cunhas condicións hixiénicas e de seguridade mínimas. Esta situación afecta directamente á súa saúde, e tamén os fai vulnerables ante as inclemencias meteorolóxicas, os terremotos, os incendios ou a violencia. Así mesmo, non contar cun espazo adecuado minimiza a súa autoestima e a súa capacidade para romper  o círculo da pobreza.

En novembro de 2015 tres voluntarios da ONGD AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) desprazáronse ata a costa sur de Guatemala, onde opera ASF,  para rodar o documental “El derecho a un techito” que centra a súa atención non só no traballo de ASF e os seus socios no país, se non no porqué desta situación, contextualizando unha realidade complexa, e apoiando a idea da vivenda non como unha mercadoría, se non como un dereito.

Tanto este documental, como o traballo que realiza ASF en Guatemala, é posible grazas ás convocatorias de proxectos de Cooperación Internacional que financia a Xunta de Galicia anualmente cos impostos de todas e todos.

 SINOPSIS “El derecho a un techito”

 En vinte días Raúl e a súa familia durmirán baixo un teito por onde non pasa a choiva. Nin o medo. Un techito que protexerá a Raúl e aos seus fillos por primeira vez na súa vida da violencia, da enfermidade, e da inxustiza que atenaza aos máis pobres de Guatemala. Un techito que lles quite as penas e lles encha de forzas para esixir os seus dereitos.

En Guatemala máis dun millón e medio de familias non teñen acceso a unha vivenda adecuada e saudable. Arquitectura Sen Fronteiras Galicia traballa da man das súas contrapartes ASIAPRODI e FODHAP para promover, baixo a filosofía da produción social de vivenda, o dereito a un fogar digno para as persoas máis empobrecidas.

Ver o tráiler:

DURACCIÓN: 25 MIN.

ANO DE PRODUCCIÓN: 2016

PAÍS: GUATEMALA / ESPAÑA