A asociación galega Alba de Groria, en colaboración con GalegoLab, darán voz aos protagonistas da nova diáspora galega nun documental
Carolina Sertal | Santiago de Compostela
Facer visible a realidade dos “emigrantes 2.0″. Ese é o principal obxectivo do documental audiovisual que está a desenvolver a asociación galega Alba de Groria, xunto coa colaboración de GalegoLab, unha organización que pretende o impulso de accións para a promoción da lingua galega.
Froito das inquedanzas de xente que pertencía ao ámbito da información, xente emigrada e outra que busca darlle voz a todos os galegos e galegas que abandonaron a terra para deixar paso á morriña, xorde a idea de levar a cabo un proxecto na web para poñer rostro e voz á migración actual. Este documental ten como principal obxectivo reflectir o novo perfil do emigrante galego, pero a novidade é que esta diáspora conecta con Galiza a través das redes sociais e das tecnoloxías da información e da comunicación, de aí que eles mesmos denominen aos protagonistas “emigrantes 2.0”.
O presidente da asociación Alba de Groria, Silvio Falcón, explica que a idea do documental é “facer chegar á xente relatos individuais e facelos partícipes desta realidade. Estamos falando dun público máis ben novo, de entre 20 e 35 anos, son persoas concretas que coas súas experiencias axudarán a romper as barreiras e os receptores poderán achegarse a novos sitios onde Galicia está presente”. Dende Estados Unidos, América do Sur e Europa, entre outros, os galegos están a mobilizarse para colaborar con este proxecto.
Por outra banda, con esta produción preténdese afondar nas causas e nas consecuencias deste fenómeno que xa viviron os nosos antepasados e que volve sufrir Galicia, séculos máis tarde. Alba de Groria pon a disposición de todos aqueles que queiran participar e afondar neste proceso histórico un espazo no que poder ter voz, ben sexa amosando a súa historia diante da cámara, promovendo a iniciativa para dala a coñecer entre os galegos do mundo, colaborando coa gravación, edición e difusión do material, ou ben coordinando os grupos de cada rexión do globo.
“Polo de agora xa temos ao redor de 200 persoas interesadas en participar no proxecto. É impresionante a acollida que estamos tendo nas redes sociais. Temos anacos de Galicia en Marrocos, en Costa Rica, Estados Unidos e sitios ao mellor tan impensables como Qatar. Dende Londres, sobre todo, estase funcionando moi ben na consecución de recursos, por exemplo, e a nosa intención é que neste 2012 podamos presentar esta largometraxe en Vigo e en Santiago de Compostela, pero obviamente, ao ser un proxecto colaborativo, dependemos constantemente das cuestións individuais dos participantes e de cada unha das rexións elixidas ”, explica Falcón.
Lóxicas individuais
Tan evidente coma que o fenómeno migratorio volve a ser noticia no noso día a día, o é que o perfil do emigrante actual posúe unhas características totalmente diferentes ao do vello emigrante. O presidente de Alba de Groria detecta que “o prototipo do emigrante galego hoxe en día é o dunha persoa con coñecemento dos criterios lingüísticos do país de destino, coas súas eivas, si, pero o grao de adaptación cambiou rotundamente. Por exemplo, en París, antes os emigrantes vivían todos xuntos, pero agora o galego fai vida so, tanto en Francia, coma en América ou onde sexa. A persoa que marcha ten máis formación, non é coma antes que marchaban á aventura sen ter idea de nada, agora si temos titulacións, estudos superiores ou medios. Tamén existen cuestións culturais con outros intereses, a nova diáspora responde a lóxicas individuais que contrastan coa vella emigración”.
“Queremos atopar todos os anaquiños de Galiza que hai por outras terras e coñecer as súas historias para poder contalas e amosalas. Cunha filosofía de fondo, pretendemos facer un bo documental que amose estas experiencias e xere dinámicas e interacción”, apunta Silvio. Aqueles que se atopan fóra de Galiza, tanto no territorio español coma en Europa ou noutro continente, poderán ser testemuñas neste documental. Tan só deberán poñerse en contacto coa asociación a través das redes sociais como facebook ou twitter.
